Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta elimina dous puntos de vertido de augas residuais no concello de Miño cara á ría de Ares-Betanzos


― Técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependentes de Augas de Galicia, localizaron a achega irregular no marco dunha inspección rutineira

― As mostraxes confirmaron a existencia de contaminación, identificando a orixe nun punto de evacuación de augas residuais dunha instalación na zona de Perbes

― Os inspectores constataron recentemente que as actuacións realizadas de conexión coa rede de saneamento municipal permitiron a emenda do vertido

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais, que vertía cara á ría de Ares-Betanzos, no concello de Miño.

Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.

As mostraxes efectuadas na zona de Perbes permitiron confirmar a existencia de contaminación procedente dunha tubaxe de evacuación das augas residuais nunha instalación da contorna.

Os técnicos de Augas de Galicia, conxuntamente co persoal municipal, identificaron tras diversas inspeccións ao titular da instalación, requiríndoselle a correcta conexión coa rede de saneamento municipal.

Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron que as actuacións levadas a cabo polo titular da empresa permitiron a emenda do vertido.